luns, 22 de setembro de 2014

A primeira imaxe da Vila

No ano 1634, Pedro Teixeira, cartógrafo portugués, fai a "Descripción de España e das costas e portos dos seus reinos", que non é outra cousa que o levantamento dun mapa de toda a costa peninsular española. Foi un encargo do seu Rei, é dicir un exercicio de espionaxe ao modo do século XVII. Arredor de século e medio antes tiñase fundado a Vila do Carril. Aparece polo tanto a primeira imaxe que coñecemos da nosa Vila.

Nesta imaxe en Carril aínda domina a natureza. A trama urbana adaptase á xeografía. Un pequeno cabo sirve de asentamento. É unha vila arrodeada de mar, cun acceso estreito por terra, situada nun extremo dun extenso areal, a praia de Area Longa. Forma un núcelo pechado de casas que protexen as súas rúas dos ventos.

A actividade económica represéntase nos barcos. Uns son pequenos, aparecen varados na praia, e, outro, grande, aparece fondeado frente á vila. A actividade pesqueira queda representada neses barcos pequenos, posiblemente dornas. O tráfico mercantil queda representado no veleiro que ten amarrado o bote na popa. Aínda non se ten construído, nese momento, infraestructura portuaria algunha.


Non podía faltar neste mapa as illas de  Cortegada e Malveiras. A primeria aparece co nome de Nosa Señora de Cortegada, destacando, coa representación dunha casa, a pequena aldea da illa. A Malveira Grande aparece co nome, hoxe xa perdido, de Illa de San Bartolomé, na que non aperece representada a capela que algúns autores sosteñen alí se ergueu en tempos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario