O pequeno paso que une a rúa da Aduana coa Alameda vincula Carril cun dos seres da mitoloxía galega, o Urco.
O canellón de Peletres unía en tempos, antes de realizarse as instalacións portuarias, a rúa da Aduana co mar. Era un paso a unha praia, posiblemente, con rocas que acubillaban ao animal mitolóxico. Alí azoutaba o vento os días de temporais do sur. O estreito desta rúa provocaba un son descoñecido, era o aullido do Urco.
O Urco é un animal mitolóxico que ten presenza en diversos puntos de Galicia e Asturias. Ten forma de can xigante que arrastra cadeas, posúe enormes fauces, habita nas próximidades do mar e atemoriza aos habitantes do pobo. Os testemuños que din telo visto non son poucos.
Cando fai a súa presenza na vila algunha desgraza está próxima. Merodeando unha casa en noite negra de temporal, con vento e choiva, anuncia a morte próxima ou a desgraza que vai caer na familia que nela vive.
O Urco está a medio camiño entre o mundo dos vivos e o dos mortos. É o guardíán da entrada do inferno e a el arrástrache se cho atopas. Vive no escuro das rochas e provoca un medo que se transmite xeración tras xeración. Aos nenos se lles asustaba dicindo "que ven o Urco!" ou "vaiche levar o Urco!" cando facían calquera trastada.
Olliño logo nos días de temporal no inverno, non pasedes polo canellón de Peletres, polo canellón do Urco, pode ter consecuencias, ningunha boa.