sábado, 1 de novembro de 2014

Cargas e bens

No ano 1752 a Vila de Carril tiña unha serie de bens propios. O máis importante era  unha peza de terra, de nome "La Roza" cunha extensión de cento cincoenta ferrados. Tiña tamén un foro de tres libras de cera que lle pagaba D. Benito Leiro.

Había unha Dehesa Real, que lle chamaban de San Roque, cunha extensión de tres ferrados, que lindaba, por unha parte cun monte en mán común e por outras coas propiedades de Alejandro del Río e J. Manuel Noguerol.

Ademais de dezmos e Voto de Santiago que pagaba á Igrexa, a Vila tiña unha carga de 200 reais que, en concepto de Servicio Oridnario, pagaba a S. M. El Rey. Ademais pagaba 221 reais polos dereitos de carnes e 100 por utensilios.


xoves, 30 de outubro de 2014

Outros oficios

Na metade do século XVIII, a maior parte da poboación de Carril vivía do mar. A vila tiña o seu goberno, xuices, porcuradores, rexedores,... Logo había outros oficios que ocupaban a unha pequena parte da poboación.

Había un miliciano-soldado, que tamén era labrego, Santiago Rodríguez. Baltasar de Abalo era estanquillero e barbeiro. O estanco de tabaco dáballe 168 reais ao ano, a barbería 30. O rendemento do estanco era superior ao percibido por un  notario. Andrés González exercía este último oficio e calcula o Catastro de Ensenada un rendemento de 100 reais anuais.

Alberto Figueira era sacristán e barbeiro. Francisco García, Bernarda Baizón, Josefa García e José González eran revendedores de ovos, cun rendemento de 60 reais ao ano. Unha mercería tiñan os irmáns Alonso e Josefa de Chaves.

Os maiores rendementos ao ano o tiña o mesón de Tomasa López Padín e o forno de Matías del Río, con 200 e 100 reais cada un. O arrendador do dezmo eclesiástico, José da Costa, de Vilagarcía, obtiña un rendemento de 250 reais ao ano.


luns, 27 de outubro de 2014

Lanchas de pesca

Era onde traballaba o maior número de persoas. Máis do sesenta por cen dos carrilexos censados na metade do século XVIII traballaban neste tipo de barcos. O tipo de embarcacións supomos serían as diferentes variedades de dornas. Si os barcos de pasaxe eran exclusivos de Carril, a actividade das lanchas de pesca era compartida con todas as vilas mariñeiras da Ría.

Os rendimentos destas lanchas era menor que os dos galeóns. O Catastro de Ensenada calcula "dos reales el día que van al mar por el quiñón que les corresponde y a los marineros... otros dos reales por el quiñón de sus personas."

A relación de nomes daqueles que faenaban nas lanchas de pesca é extenso. Moitos dos apelidos de entón aínda están presentes hoxe no Carril. Citamos así a Domingo, Alberto, Ignacio, Francisco e Juan Franco; Benito, Antonio e Pablo Búa; Juan e Andrés Meaños; Victorio, Tomás e Domingo Rubianes; Pedro Luna; Roque Ramos; Domingo, Francisco e Andrés González; Alberto Canaval... Algúns deles darán nome, co tempo, a empresas consignatarias importantes, son os casos de Francisco, Basilio e Antonio García Reboredo e Antonio García Señoráns.