No ano 1942 a Dirección General de Arquitectura do Ministerio de la Gobernación elaborou un Plan Nacional de Mejoramiento de la Vivienda en los Poblados de Pescadores onde se incluía a Carril. Aquel Plan ningunha repercusión práctica tivo, pero si deixou documentación que nos permite falar da vivenda tradicional mariñeira: a casa do pincho.
A casa do pincho é a construcción mariñeira máis antiga do litoral atlántico. Reciben este nome polo gancho de ferro que se colocaba no muro piñón coa misión de pendurar del as redes e poder así reparalas. Noutros casos, en vez de gancho había uns canzorros de pedra cunhas canles nas que se asentaba unha vara no que estender a rede para secar. Algún exemplo deste último caso podemos recordar en Carril.
O Plan mentado ofrécenos dous exemplos deste tipo de vivendas en Carril. A primeira é unha casa estreita con vano de entrada e ventana na parte superior. A planta baixa está ocupada polo comedor, a cociña e a escaleira de acceso á parte superior. Esa planta está ocupada por dous dormitorios. No documento do Plan fálase de que está habitada esta vivenda por un matrimonio con cinco fillos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario