venres, 17 de outubro de 2014

Autoridades no 1752

As autoridades locais de mediados do século XVIII estaban relacionados coa xurisdicción e a adminsitración das rentas que pagaban os carrilexos. Habendo dous dominios xurisdiccionais, o do Arcebispado compostelán e o do Conde de Grajal, había un xuíz e un rexidor por cada un deles. Un e outro cargo recaían na mesma persoa. No 1752, Xuíz e Rexidor pola xurisdicción do bispo era Andrés González. Pola xurisdicción que exercía o Conde de Grajal, o Xuíz e Rexidor era Francisco de Canaval.

Outros cargos que existían naquel entón eran o de Escribano Real, que o exercía José García Señoráns, o de Administrador de Rentas Xerais, que era Alberto Cayetano Ricoy, o Cabo de Resgarda das Rentas Xerais, Baltasar Martínez, o Ministro de Resgarda das Rentas Xerais, Francisco Rodríguez, o Fiel Administrador das Rentas Provinciais, Lorenzo González Candamo, e o Garda de Rentas Provinciais, Benito de Canaval.

Atendendo ao salario que cada un percibía, podemos establecer a categoría destes últimos cargos. O máis importante era o de Administrador de Rentas Xerais, con catrocentos ducados anuais, seguido do Cabo e Ministro das mesmas rentas, con catro e tres reais diarios respectivamente. Nas Rentas Porvinciais, o Fiel obtiña tres reales por día, mentres o Garda un real tamén ao día.

martes, 14 de outubro de 2014

O dezmo eclesiástico

Sobre Carril exercían o poder xurisdiccional o arcebisbado de Compostela e o Conde de Grajal, este na menor parte. O mundo feudal tiña as suas obrigas. Os impostos de hoxe eran entón cargas en favor de particulares que tiñan o privilexio de exercer funcións públicas. Outros iban directamente a manter o entramado eclesial.

Na metade do século XVIII, uns dos maís importantes impostos eran o dezmo e o Voto de Santiago, ámbolos dous en favor da Igrexa. O pago do primeiro dividíase en duas metades, unha correspondíalle á dignidade arzobispal. A outra repartíase en duas partes, unha era para o cura parroquial da  Vila e a outra dábaselle ao cura parroquial de San Xés de Bamio.

En correspondencia, o dezmo que se cobraba na parroquia de Bamio dividíase en duas partes, unha para o arcebispado e a outra tamén se dividía en duas cuartas partes. Unha para o propio cura de Bamio e outra para o de Carril. Correspondían así unha parroquia coa outra. Nunha dominaban os productos agrarios e na outra os do mar. Unha e outra igrexa parroquíal equilibraban así o tipo dos seus ingresos.