Conversa con Rosa de Chaves. 1993

En xullo do ano 1993, Marcelino Abuín conversa con Rosa Rodríguez Chaves sobre a memoria da vida en Cortegada e o pasado da Vila de Carril. Esta grabación é hoxe un importante documento sobre a historia carrilexa. A través dela vaise desgranando aquelas cousas que configuraron a vida tradicional da vila. O nome dos sitios ( BasquiñoArea GrosaA TorreA Roza,...), as expresións da fala ("tirar pedras para afora", "patacas de xaneiro van nun cesto volven nun sombreiro", "a Virxe de Cortegada foi buscar a Guadalupe", "antes de saliren eles",...), son testimuño dun rico saber popular que vai deixándose ver ao longo da entrevista.

No relato de Rosa, acompañada do seu fillo José Luis, descríbese a vida tradicional en Cortegada. A casa, coa súa eira, palleira e vivenda de duas plantas; os cultivos de cebolas, froita, chícharos, patacas, viñedo e azafrán; a pesca nas bucetas, a venda do peixe en Carril, na Pobra, en Padrón...

O sistema agrario ven marcado polo pago do foro e as axudas duns veciños a outros nas labores do campo. A escola de Cortegada, os oficios dos homes, a construcción de barcos na de Alemparte, os pataches que arribaban ao peirao carrilexo con sal, carbón e adoquín...Todo conforma o cadro dun mundo pasado que gardou Rosa na memoria e soupo transmitir despois.

De Cortegada gardou a lembranza dos seus habitantes. Os da Ulla, Os Marelos, Os Repoleiros, As TomasasAs de Cortegada, Os de Segunda, Os de Mari Pepa, Os de Lijó... Todos foron obligados a deixar o seu para favorecer un proxecto nunca realizado. O drama da saida de Cortegada aparece descrito perfectamente cando Rosa fala da sua nai.

O relato das festas, o San Fidel e o Sacramento de Carril, acompáñase da descripción da romaria en Cortegada. O costume da entrega do ramo e a chegada de romeiros marcan a existencia dun mundo hoxe desaparecido. Vaia este artigo en homenaxe a Rosa e a todos os que souperon transmitir a memoria da nosa vila.


 PARA ESCOITAR A GRABACIÓN CLIQUEA AQUÍ:
 Conversa con Rosa de Chaves

( Copyright. - Marcelino Abuín Duro )

Ningún comentario:

Publicar un comentario