venres, 7 de novembro de 2014

Cultivos e rotacións

Non eran os traballos agrícolas a principal actividade económica do Carril de mediados do século XVIII. Maís o traballo no campo era unha actividade importante en lugares como Cortegada e Trabanca Sardiñeira. Os cultivos facíanse aproveitando a potencialidade das terras. Tiñan un carácter trienal e o plantado dependía da maior ou menor calidade do solo.

A terra era de primeira, segunda ou terceira calidade. Os cultivos dependían tamén de se estas eran de secano ou regadío. Nestas últimas, e nas terras de primeria calidade, os cultivos eran, o primeiro ano, de millo (cada ferrado de terra daba seis ferrados de millo), o segundo ano plantábase liño e fabas e o terceiro volvíase a plantar millo. Nas terras de segunda calidade, o millo plantado o primeiro ano daba unha producción de cinco ferrados; no segundo ano plantábase trigo, cunha producción de catro ferrados por ferrado de terra. O terceiro ano volvíase a plantar millo. Nas terras de terceira calidade o primeiro ano plantábase millo, cun rendemento de catro ferrados, o segundo ano centeo, cun rendemento de tres ferrados, e o terceiro ano outra vez millo.

Para as terras de secano a rotación era, nas de pirmeira calidade, de millo, cebada o segundo ano e millo outra vez no terceiro ano. En terras de segunda calidade a rotación era de millo, centeo e millo de novo. Nas terra de terceira calidade non había rotación, todos os anos plantábase millo.

Traballo na terra en Cortegada

martes, 4 de novembro de 2014

Xastres, teceláns e zapateiros.

O cuadro da actividade económica de Carril a mediados do século XVIII complétase  con tres oficios máis. Aqueles que traballaban no mar, como transportistas ou pescadores, os estancos, as barberias, a mercería, o mesón e mais o forno estaban acompañados doutros oficios artesanais.

Estes non eran outros que os xastres, os teceláns e os zapateiros. O primeiro oficio o exercían Francisco Rodríguez e José Romero, a quen se lle asigna un beneficio de dous reais por cada día traballado. Teceláns eran Francisco Gómez, Juan de Sevilla e Manuel Gómez, cun beneficio de real e medio. Finalmente había no Carril de aquel entón un zapateiro, Domingo Pérez, a quen se lle supoñía tres reais de renta por día de traballo.