venres, 3 de outubro de 2014

Vila branca

O núcleo histórico de Carril gardaba diferentes tipos de edificios. Os de maior número eran as vivendas mariñeiras, despois as vivendas con balcón voado sobre a rúa, de comerciantes e profesionais. No século XIX implántase a galería nos edificios de maior porte. Os edificios mercantís, os almacéns, e os oficiais (concello, xulgado e aduana) se completaban con aqueles con función recreativa (cine, teatro, casino, sociedades culturais,...) Todo o conxunto estaba presidido pola igrexa parroquial.

As rúas, abrigadas dos ventos, estaban empedradas unhas, outras contaban con beirarruas de pedra e calzada de terra. Os efectos das choivas mitigábanse verquendo cuncha de berberecho na calzada. Nalgúns casos, nas rúas Aduana, a Cruz ou as Laxes, a pedra natural desbastada servía de perfecto firme.

Os edificios facíanse en pedra. Tanto podía ser en mampostería ou en sillería ben labrada. En todos os casos as fachadas estaban caleadas, resgardando a pedra da chuvia. O cal era a pel dos edificios. Aillaba do exterior e permitíalle á pedra "respirar". Tiña carácter profiláctico e tamén empleábase nas madeiras do interior. O aspecto de todo o conxunto da vila era así a dun pobo branco, a dunha "vila alba, nacarada como un vigariño no areal" que dicía o poeta.

xoves, 2 de outubro de 2014

Vivendas mariñeiras: casa con patín

Casa mariñeira que ten acceso exterior á planta superior. Polo común son vivendas que, dentro do núcleo urbano, están afastadas do mar. A planta baixa é unha planta térrea de baixa altura, utilizada para gardar apeiros de mar ou para corte de animais. No primeiro andar sitúanse as dependencias de cociña, sobrado, cuartos... O patín vai situado na fachada principal, normalmente cun único tramo de escaleira.                                                                                                                                        

Vivenda con patín na confluencia das rúas Progreso e A Roda.

mércores, 1 de outubro de 2014

Vivendas mariñeiras: casa térrea e casa do remo

Cos mesmos materiais constructivos, pedra e madeira, aínda existiron dous tipos máis de vivendas mariñeiras. Unha, a casa térrea, é de planta baixa, con piso de terra, onde, en un espacio único, se desenvolve toda a vida familiar. Nunha evolución posterior ese espacio interior divídese con táboas de madeira. Créase a cociña, a sala e os cuartos. É o modelo máis primitivo da casa mariñeira. Normalmente aparece adosada por un dos seus lados a outra vivenda, consta así de tres fachadas. A cuberta é polo común a unha auga.

Entre a casa térrea e a casa do pincho sitúase a casa do remo. Coñécese así porque a súa fachada mide o equivalente a un remo dunha traíña. Ten cuberta a duas augas con pendente moi acentuada. No muro piñón sitúase unha fiestra. Ese espacio baixo cuberta utilízase como cuarto. A él accédese desde a cociña cunha escaleira interior.

Casas do remo en Cortegada

luns, 29 de setembro de 2014

Galeón Illa de Cortegada

Vivendas mariñeiras: as casas do pincho (2)

Aquel Plan Nacional de Mejoramiento de la Vivienda en los Poblados de Pescadores de 1942 aínda nos deixa outro exemplo de vivenda tipo "casa do pincho". Esta vez a planta é máis grande, a vivenda máis cómoda. A fachada duplica á do caso anterior.

Na planta baixa, dende a entrada principal, se extende un corredor que comunica co espacio posterior da casa, o salido. Na sua esquerda, o almacén de apeiros e un dormitorio. Na planta superior o sobrado dá cara a fachada principal, no medio un dormitorio e cara atrás a cociña e o comedor. A diferencia do caso anterior, a vida ordinaria realizábase na planta superior.

Os elementos constructivos seguen a ser a madeira e a pedra. Dous muros, medianeiros coa casa contigua, soportan vigas e tarima que divide en sección o espacio. Cada espacio está delimitado por paredes feitas de madeira, de tablón. A cuberta segue a ser a duas augas con orientación a cadansúa fachada.