![]() |
| Verino Díz patroneando o É MEU |
A recuperación do bote É MEU era unha boa escusa para falar
con Verino. Eu mesmo, o seu fillo, tamén Verino, e Camilo Bóveda quedamos de
vernos no Gato Negro. Durante o tempo da conversa Verino mostrábase contento.
Gusta de compartir experiencias que o teñen a el e ao seu barco como
protagonistas.
O sorriso non abandonou a Verino en toda a charla. Gozaba de
contar anécdotas dunha longa vida. El contaba que tiña oitenta anos.
Corrixiulle o seu fillo. Naceu no ano 1930, nos próximos meses cumprirá os
oitenta e oito. Pero os anos son os que un sente ter. Verino fala de volver aos
ensaios da Rondalla, tantos anos dirixida polo seu irmán Manolo. Hai que
resolver iso de incorporar voces ás guitarras e laudes. El canta ben, sabe
levar unha segunda voz, sabe facer un duo.
Moi pronto o tema que nos convoca centra a conversación. Os
botes de vela, o É MEU e o mar. Para Verino os barcos son unha paixón. En
tamaño “natural” un instrumento de traballo. A escala, un entretemento que
pervive durante anos. É tradición que nas soadas poxas de San Roque, as que
serven para financiar a festa, póxese un barco feito por Verino. Os seus traballos
a escala chegaron aos máis diversos lugares. Uns de cerca, outros de Estados
Unidos ou de Inglaterra.
Desde sempre lle gustou a carpintería. Xa de neno miraba con
atención o traballo daquel carpintero de ribeira, O Garulo, no seu taller. O
interese que prestaba non pasou desapercibido ao mestre carpinteiro. Convidoulle
a ser o seu aprendiz. Non había cousa no mundo que Verino desexase tanto como
incorporarse a aquel taller. Pero non puido ser. As necesidades en casa non
eran poucas. Non sobraba ningún brazo, aínda que fóra de doce anos. A esa idade
incorpórase aos traballos no mar. Primeiro ao vivero, despois ao birbiricho.
O período escolar foi breve, ata esa idade de doce anos.
Primeiro na escola de El Porvenir, na
antes chamada rúa Progreso. Despois na de Cunchal, na contorna da Rúa
Cervantes. O recordo da escola é bo. O segundo dos mestres ensinaba moi ben.
O traballo no mar empelaba a todos os irmáns Díz. Pero o mar
que recorda Verino era outro, un moito máis rico. Os viveiros daban berberecho,
ameixa e toneladas de ostra:
Cando volviamos do mar, de noite, dabamos un golpe co pé no plan do
barco e saían espantados os peixes, e sentíanse fuxir : !Como nacían as ostras,
como estaba o mar!”.
No recordo de Verino repítese unha e outra vez aquel viveiro
da esquina de Cortegada, grande como un campo de futbol. Eran tempos nos que
apenas unhas poucas familias tiñan viveros. Aquel producía ameixa, ostra,
berberecho. O traballo non paraba nunca. Si o vivero, si o bou, si as ostras no
Bao de Arousa, si o mexilón, si as anguías. O bou, o rastro, as nasas, todas eran artes
que dominaba Verino, e tamén o seu irmán Manolo, sempre xuntos nas faenas do
mar. De cada día, de cada vinte e catro horas, traballábanse vinte. Era novo,
era forte, tiña vinte anos e encarga construír un bote a un carpintero de
ribeira de Rianxo. Era o É MEU.
Aquel barco acompañarao xa durante toda a súa vida. Pagou
por el mil cincocentas pesetas. As velas fixéronse tamén en Rianxo. Substituía
a aquel outro, xa vello, que lle deu por chamarse “Que che importa”. Cando foi a inscribir o novo bote tivo problemas.
Non se admitían entón os nomes en galego. Quizá si quixese chamarlle ES MÍO… Pero
non, quedoulle o de É MEU porque así o quixo Verino. Así marcábase mellor a
estreita relación entre patrón e barco.
![]() |
| O É MEU navegando |
Ás veces ía só. Co seu bote, coa arte do bou arrastrado a
vela. Outras acompañado de Manolo. Non foi nin unha, nin duas, nin tres as
veces que teñen volto desde Noro, ou desde San Vicente, a remo. Horas e horas, xornadas
enteiras bogando, co bote cargado de mexilón, cando se quedaba o vento.
Acurtaban polo Bao da Illa, por onde o traxecto era máis curto. Pero a corrente
en contra era forte e o bogar facíase penoso.
Despois o traballo de vender a colleita. Ata Santiago ía a
nai de Verino, en tren. Ata a estación levaban o mexilón, cocido ou non, as ameixas,
os berberechos. Na estación compostelá esperaban as compradoras. As máis das
veces as vendas facíanse directamente, en bares e restaurantes. Ata Padrón e o
seu mercado tamén se ía. Nun caso o tren tardaba co seu paso lento, no segundo
o paso lento marcábao quen ía cargado a vender alí.
O bote era a embarcación máis abundante en Carril. A motor
só había o barco de Felipe Teijeiro. Case como recordo dunha actividade que en
tempos dominou o noso porto, conservábanse dous galeóns, o do Sopla e o do
Moreno. Os dous remontaban o río e cargaban area ou madeira. Volvían despois
ata as inmediaciones da Praia de Compostela. Alí varaban os seus barcos.
Descargaban a madeira, tronco a tronco, cargando ao ombreiro desde o barco ata
a beira.
![]() |
| Botes na dársena de Carril |
Eran tempos de traballo duro. Pero non faltaron os momentos
de festa. Logo da xornada de traballo, ou entre faena e faena, botábase man da
guitarra ou o laud. Un grupo de amigos xuntábanse e corrían as cancións en
forma de serenata, de coro na taberna ou concerto nun cine dunha localidade
próxima. A Verino ensinoulle a tocar un irmán maior. A partir daí, chegando do
mar, antes ou logo de cocer o mexilón en casa, sacábase tempo e forzas para ir
cantar ás mozas, pola noite, a iso das dúas da madrugada. No recordo Manolo O
Coxo e Carlos e Tucho Cerqueiras. Exemplos os tres de saber cantar e tocar.
Eles coas mans e os dedos máis finos, non traballaban no mar, disputaban, e
gañaban, calquera concurso de canto e guitarra.
![]() |
| A outra gran paixón de Verino: tocar e cantar |
As comparsas do carnaval servían tamén para demostrar a arte
de tocar e cantar que había en Carril. A condición era que o permitise a
autoridade. Xuntábanse Verino, Manolo e Francisco Diz, o mesmo Manolo O Coxo e
outros, e cantaban, e tocaban por rúas e bares. Non faltaba un garda que
mandaba parar. O Carnaval non estaba ben visto polas autoridades de entón. Eles
non tiñan permiso para aquela festa.
E outra vez o É MEU. Esta vez non como ferramenta de
traballo senón como diversión. Porque diversión eran as regatas de botes. As
que se facían en Carril, ás veces de vela outras de remo. Con ocasión das
festas, sobre todo San Fidel, mantívose a tradición de competir, unhas veces
homes, outras mulleres. Era o É MEU o bote máis solicitado por todas as
tripulaciones.
A destreza de navegar a vela en Carril era obligatoria. Os
labores do mar así o esixían. Quizá por forza, creouse un grupo de expertos
navegantes, e regatistas, de barcos de vela. E chegaron os tempos das regatas das dornas nai, en
Vilagarcía. Os nomes de Carús, o Marqués e Poyán saen agora a relucir. Todos
eles contrataban a mariñeiros de aquí. Julián, Manolo, Verino, Chiné,… eran
parte esencial de tripulaciones que competían ano tras ano, para divertimento
duns e como complemento de salario doutros. Non faltou a ocasión en que desde
Marín tiveron que traer Manolo e Verino a súa dorna ata Vilagarcía. Eles sos,
cada un nunha.
A experiencia de Verino sérvelle para distinguir cal é
mellor bote para competir en regatas. A evolución das proas, primeiro máis
rectas, despois máis lanzadas, apenas incide na velocidade do barco. Si inflúe
a feitura da popa. Unha ancha dificulta a carreira do bote. Unha fina,
estreita, elevada, dálle maior velocidade ao barco. Verino recorda como se
facían os galeóns na banda do mar. De popa redonda pero pequena, que os facía
máis veloces e estables ante o perigo de envorcar. Os botes ao principio eran
como galeóns en pequeno, de popa redonda, que despois cambiaron cara a proas
máis lanzadas e popas recortadas, de tipo de espello en linguaxe mariñeiro.
| Regata de botes tripulados por mulleres |
Pasa o tempo e Verino segue lembrando, revivindo, tempos de
antes, tempos de mozo. Toda unha vida e un xeito de vivir gárdanse na
experiencia dun mariñeiro como hoxe xa
non hai.
Unhas velas antigas, unhas fotos vellas, uns aparellos xa
inútiles, son cousas que Verino garda en casa, como tesouros, mostra do que
onte foi. Ningún ten o valor do bote É MEU. A vida desta embarcación e a de
Verino van en paralelo. A Asociación Rompetimóns afronta a súa restauración.
Con ela mantén viva a memoria dos quizá últimos mariñeiros, en pleno sentido,
que quedan en Carril.
![]() |
| O É MEU restaurado pola Asociación Rompetimóns |
Carril, 10 de agosto de 2018.
Marcelino Abuín Duro





Ningún comentario:
Publicar un comentario