venres, 24 de outubro de 2014

Os barcos de pasaxe no século XVIII

O Catastro de Ensenada (1752) describe o número de embarcacións que había naquel entón en Carril, dí quen eran os seus propietarios e quen traballaba neles. Un tipo destes barcos eran os denominados "barcos de pasaxe", supoñemos, os galeóns. Fálase de que había "siete en la Ría o Puerto de esta Villa, que desde él navegan al Padrón con el flujo y reflujo de la mar".

O rendemento anual que daban estes barcos non era cativo. O Catastro bota conta de douscentos reais para cada un deles por ano, máis outro tanto para os mariñeiros que neles traballaban. Os propietarios destes barcos eran Alejandro do Río, Rafael Vieites, Lucas Älvarez, Juan González, Jacobo Duro, Dominga Pérez, Bernarda Bouzán, Alonso de Abalo e Francisco del Río. Algúns compartían a propiedade de cada barco. Así Lucas Álvarez, Dominga Pérez, Bernarda Bouzán e Alonso Abalo eran propietarios do 50% dun galeón.

No traballo nestas embarcacións empregábanse os seus propietarios e os fillos, ademais doutros que non tiñan esa relación familiar. Un total de trinta eran os homes que traballaban neles, a relación é a que sigue: Alejandro do Río, Rafael Vieites, Pedro Martínez, Jacobo Rodríguez, Ramón Vieites, Manuel Franco, Andrés Gómez, Lucas Álvarez, Juan González, Jacobo Franco, Jacobo Duro, Tomás Duro, José González, Jacobo Vicente, Ignacio Patiño, José Franco, Francisco Rodríguez, Francisco García do Pazo, Francisco González Rianjeiro, Francisco Bernárdez, Domingo García Señoráns, Blas Vicente, Benito González, Antonio García Padín, Antonio Rodríguez, Antonio de Abalo, Rafael García, Alonso de Chaves, Pedro de Lagos e Alonso Abalo.

mércores, 22 de outubro de 2014

O couto de Trabanca Sardiñeira

O nome de couto, ou couto redondo, o reciben os territorios que tiñan por detentador do dominio xurisdiccional e do dominio directo á mesma persoa, linaxe ou entidade. O dono da terra e aquel que exercía os dereitos da xusticia eran a mesma persoa. Coutos no noso municipio foron A Laxe, Cornazo, Trabanca Sardiñeira,...

Neste último caso o exercicio dos privilexios feudais os exercía o Conde de Grajal. A mediados do século XVIII, en razón de vasalaxe, en Trabanca pagábaselle a este Conde dezaseis ferrados e medio de centeo e once reais ao ano. En razón de luctuosa, o pago era de dous reais ao ano.

O dezmo eclesiástico tamén aquí dividíase en duas partes. Unha era para a Diginidade Arcebispal. A outra dividíase en dous cuartos. Un pagábase ao cura de San Xés de Bamio e a outra ao parroquial de Carril.