No ano 1492 Carril era xa unha vila consolidada, plenamente adicada aos labores do mar. A pesca de sardiña e o seu salgado eran as principais actividades. Os dereitos señoriais que tiñan certas vilas iban en contra dos intereses dos veciños do Carril. A igrexa de Santa María de Iria Flavia e a Vila de Padrón reclamaban para si o dereito de "salga e seca" do peixe da Ría de Arousa baseándose en privilexios outorgados por pasados reis. Durante moito tempo ámbalas duas vilas víronse envoltas en "moytos pleytos e contendas, pennoras, roydos et escandalos". Os conflictos entre unha e outra parte deberon prolongarse no tempo xa que uns e outros recoñecen que as liortas "se rescreçeran entre os nosos preçesores nos tempos pasados e recresçen oje en dia entre nos outros".
Nese ano 1492 tiña chegado o momento de acordar. Reunidos os veciños de Carril, o seis de outubro, outorgan poder de representación a Juan de Santiago e Domingo do Quinteiro, procuradores habilitados na Vila. Firman o poder Roy de Labandeyra, Juan Seqo, Juan Vidal, Juan Domeo, Pero Myngees, Gómez de Casal, Pero de Lemos, Juan de Santiago, Juan de Caldayra, Juan Garido, Afonso Galo, Juan de Deus, Vasquo de Rodeyro, Fernán do Ryo, e Juan Gomes.
Todos os firmantes da carta de poder actúan "por nos et por todos los outros vezinos et moradores que agora son et serán daqui adiante para sempre eno dito Porto de Carril". Tratábase de que esta representación carrilexa chegara a un acordo cos coengos de Iria e o Concello de Padrón.
NOTA.- Información sacada do documento de "traspaso dos dereitos de salgadura por parte dos Conegos de Iria e os Comerciantes de Padrón aos Comericantes do porto de Carril" publicado pola "Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón" no ano 2009 e recollido no libro de José Luis Mulet sobre Carril.