Foi no ano 1816 cando a reliquia de San Fidel chegou a Carril.
Aquel era un momento complicado da Historia. Poucos anos facía que as tropas
napoleónicas foran expulsadas de aquí. A Constitución de Cádiz e o período
liberal foran varridos por Fernando VII.
O vello non acababa de morrer e o novo non acababa de nacer. Carril empezaba a ser o centro de importantes
industrias. A habilitación do porto para o comercio exterior era o motor que
nos unía máis a Santiago e favorecía a armazón fabril e
comercial da nosa vila.

Fidel de Milán
O que coñecemos da historia do noso San Fidel debémosllo a D. Gaspar Fernández Zunzunegui, Cóengo Maxistral da catedral compostelá. No ano 1876 publica un opúsculo co longo título de Vida do Glorioso Mártir San Fidel que se venera o seu Santo Corpo, traído de Roma, na Igrexa parroquial da Vila e Porto do Carril, arcebispado de Santiago. Nesta obra, editada

.jpg)
![]() |
Igrexa de San Fidele en Como (Italia) |

Era aquela unha época difícil. O Imperio
romano
esborrallábase malia os intentos de adaptalo aos novos tempos. Gaspar Fernández describe ese momento como aquel onde "reina a sensualidade máis
groseira", onde o orgullo, a idolatría e os costumes licenciosos
invaden unha sociedade en decadencia.




San Materno foi bispo de Milán entre os anos 316 e 328, e sería
nesa época cando Fidel, xa como discípulo seu, "resolve consagrarse a Deus". Fronte ao mundo que o rodea
vive como relixioso dende a súa profesión de soldado. Reafirma a súa
relixiosidade facendo voto de castidade e supón Gaspar Fernández "con
canto pracer viron os ceos esta consagración sublime nun ilustre mozo, rico,
amable, gracioso e despexado!”
O soldado e relixioso Fidel está chamado a facer masivas
conversións entre os habitantes de Milán. Envíao o Bispo á próxima cidade de
Como para estender o cristianismo entre os pagáns. Alí foi denunciado, preso e
interrogado. Fidel
reafirma a súa fe fronte ás ameazas de tortura, "caen sobre el os azoutes; anacos de carne
saltan polo aire, regueiros de sangue cóbreno". Os tormentos continúan
, "son esnaquizados os seus ósos no poldro; son abrasados
os seus costados con machados acendidos; son todos os seus membros martirizados
con crueldade".

A morte alcánzao o 28 de outubro dun ano
que non se concreta e nese día celebra a Igrexa a súa memoria. Os restos de San Fidel son trasladados secretamente a Roma,
onde encontran sepultura solemne nas catacumbas.
É costume nas publicacións que narran a
vida dos santos non especificar as fontes de información. A descrición do
carácter de Fidel,
a trascripción do diálogo co Prefecto e os detalles
da súa tortura faise con profusión de detalles aínda que sexa mil cincocentos
anos máis tarde. A tortura de San Fidel pon
en cuestión a eficacia do Edicto de Milán (ano 313) polo cal Constantino declara
a tolerancia relixiosa e pon fin á persecución dos cristiáns. A concreción das
fontes de información permitiríanos coñecer moito máis aquela época.

Mil cincocentos anos máis tarde reaparece a
figura de San
Fidel. Especial protagonismo terá o entón Papa, Pío VII. A este
pontífice tocoulle vivir tempos duros. Preso estivo
do emperador
Napoleón boa parte do seu papado, destacou pola
reconstitución da Orde dos Xesuítas e a restitución da Inquisición. Gran valor
deulle ás reliquias dos santos antigos. Ordenou numerosas
escavacións nas
catacumbas de Roma e por todo o orbe foi regalando para a súa adoración os
restos dos outrora santos.


Os restos de Priscila, Marcelina, Filomena, Ciro, Engracia, Faustina, Francisco, Valentín, Pío, a mesma Santa Minia de Brión ou Santa Prácida de Rubiáns...
son ofrecidos para o culto público en numerosos
lugares, mostrando o
agradecemento papal ben a particulares ben a institucións relixiosas. Tal era a
distribución de corpos santos que en Roma creouse unha rede de talleres de
restauración e preparación das reliquias para ser remitidas aos seus
destinatarios e ser expostas publicamente. A esta época pertence a aparición, o
seu tratamento, o seu vestiario e entrega a Carril das reliquias de San Fidel.

Translación
a Carril
Era o ano 1816 e o destinatario final das reliquias do santo milanés era Simón Álvarez Robés, "veciño e do comercio

Descoñecemos os motivos polos cales este comerciante
carrilexo conseguiu a reliquia de San Fidel, cales foron
os seus méritos para ser obxecto dun regalo tan prezado.

En principio o corpo do santo deposítase na capela da Illa de Cortegada. Alí faríaselle o obrigado recoñecemento e despois faríase a solemne translación á igrexa parroquial. Para o primeiro foi comisionado por Rafael de Múzquiz, Bispo de Compostela, o cura Ramón Florez Villamil. Daquel acto levantouse a correspondente acta, que di así:

E ao día seguinte trasladouse procesionalmente á esta Igrexa Parroquial, e no sitio
destinado para a súa colocación púxose á veneración pública dos fieis, despois
de ser feito con todo o aparato e solemnidade que merecía tan respectable
acto...
O documento remata
facendo constar que esta acta se había de engadir ao propio Santo como
certificado de autenticidade do que fora enviado dende Roma. É polo tanto un
documento do máximo interese xa que nel nos relata como unha comisión de sacerdotes,
acompañados das autoridades locais e do comerciante Simón Álvarez
Robés, fai recepción da reliquia e trasládase á Igrexa parroquial, todo
iso no ano 1817.
A presenza desta reliquia viña a reforzar todo aquilo que estaba a conformar a importancia de Carril no século XIX. A unha actividade económica puxante engadíaselle agora ser un centro de peregrinación, o centro de adoración a un dos mártires da Cristiandade. Para reforzar este carácter da Vila e Porto, o mesmo Papa Pío VII concedeu indulxencia plenaria e remisión de todos os seus pecados a todos e cada un dos fieis de ambos os dous sexos que verdadeiramente arrepentidos, confesados e comulgados visiten a Igrexa Parroquial carrilexa nunhas datas sinaladas na propia Bula papal.
Todo aquel que o Domingo
despois de Pascua de Resurrección, o domingo inmediato seguinte á festividade
de Santiago Apóstolo
e o día sétimo igualmente inmediato despois da devandita Dominica, dende o
amañecer ata o momento de poñerse o Sol, acudisen a adorar o Santo recibiría o
perdón de todos os seus pecados.
Nacía así neste
momento a romaxe de San Fidel. A remisión dos pecados atraía numerosos
romeiros. A data que queda finalmente sinalada como principal na advocación a
este Santo é a do domingo posterior á festividade do Apóstolo Santiago, festa maior na localidade.
Ao longo do século
XIX a festa de San Fidel foi
adquirindo cada vez maior auxe. Dende días anteriores concentrábanse no entorno
da igrexa gran cantidade de romeiros. Durmían no adro, no interior da igrexa... esperando que
chegara o día e hora da remisión das suas culpas. Moi posiblemente construísese
por iso un gran lavatorio que durante longas épocas estivo situado no adro da
propia parroquial e que hoxe se sitúa no interior con funcións de pila
bautismal.
A festa de San Fidel en
1882
Nacía así a que foi maior festa carrilexa, cando menos, en todo o século XIX. A prensa compostelá daba conta duns actos festivos que eran outro motivo máis para visitar Carril. A información que dispoñemos correspóndese co ano 1882, e o xornal era a "Gaceta de Galicia" (M. Abuín, 1993). Aos lectores infórmaselles dos actos que vai haber no San Fidel dese ano. Serán duas as xornadas festivas, o día vinte e nove e trinta de xullo, e os festexos comezarán ás doce horas do primeiro día cun "repique xeral de campás, multitude de lumes voadores e unha salva de bombas reais,". A continuación percorrerán as rúas "os xigantes e cabezudos precedidos das gaitas do país e unha numerosa e afinada banda de música percorrerá as rúas da poboación executando escollidas Marchas e Bailables, ata as dúas da tarde,".
Especial
protagonismo tiña nas festas, polo menos naquel ano, as demostracións
pirotécnicas. Pola tarde, cantaríase as vésperas na igrexa parroquial,
amenizada pola banda de música, e ás sete, a mesma banda, na entón praza de Alfonso XII,
daría un concerto "onde deixará oír
bonitas pezas". Os actos trasládanse de novo ao adro da igrexa. Alí,
ás oito da tarde "terá lugar o
magnífico lume de aire de cores e formas descoñecidas", obra do pirotécnico
de Padrón Gregorio Ojeros. Os lumes estaban
distribuídos en tres quendas e ao final de cada unha delas tocaban as campás, "acompañando estes entreactos a música".
Esta primeira xornada festiva remataba, como non, con máis lumes.
Na dársena carrilexa escenificábase "o magnífico e sorprendente efecto dun ben
preparado Combate Naval composto dun castelo e dúas fragatas". Como
acto final "desta agradable
reunión", a xornada festiva remataba "coa ascensión dun magnífico e colosal globo de forma espiral que
botará luces de bengala".
O día seguinte era
o día grande. A cousa empezaba temperán, "ás
seis da mañá a música deixará oír alegres e bonitas dianas nas rúas". Ás
nove a Comisión de Festas, acompañada da banda de música, dirixíase á estación
de tren para recibir os novos alumnos da Sociedade Económica de Santiago que,
coa súa orquestra e voces, acompañarían a misa solemne e protagonizarían a
serenata marítima nocturna. A función relixiosa tamén se realizaba en hora
temperá, "ás dez e media darase principio
á función relixiosa a toda orquestra, a igrexa estará magnífica e ricamente
adornada con vistosas colgaduras, arañas de cristal e profusamente iluminada".
Temperá tamén era a
hora na que se celebraban as famosas e tradicionais regatas. Darían comezo ás
tres da tarde e anunciaríanse "por
un disparo de doce bombas". As regatas remataban e deixaban paso "á divertida Cucaña marítima que
partirá dun galeón fondeado para o efecto". Os actos continuaban horas
despois. Era a Serenata Marítima que consistía en que en "unha preciosa embarcación preparada ad hoc e ben iluminada estará a orquestra e
voces" dando o seu concerto por un itinerario iluminado "por candeas grandes e barricas de
alcatrán". Máis lumes de artificio daban paso ao último acto das
festas. Ao modo de como se fai aínda hoxe nas festas patronais de, por exemplo, Betanzos,
elevaríase ao aire "un globo de
elegantes formas", supoñemos construído en papel, coa inscrición "O Pobo Carrilexo ao Glorioso San Fidel".
As regatas
Pasadas as festas que se anunciaban no diario compostelán, quedaba por contar a impresión que deixaban nos visitantes. De todos os actos festivos, a mesma Gaceta de Galicia destaca, sobre todo, as regatas. Especialmente as regatas a remos que disputaban en dous botes tripulacións de cinco mulleres, unhas de Carril e outras de Cortegada. Máis que calquera comentario que poidamos facer nós, mellor é transcribir o citado artigo que, en data do 2 de agosto de 1882, publica o xornal que comentamos. Di así:
(...) Grata impresión produciu a todos os que asistiron
ás festas a animación que reinou dende o sábado ao luns; pero o que máis chamou
a atención, polo menos a nós que somos de terra dentro, foi a regata de botes
tripulados por mulleres. É o primeiro espectáculo deste xénero que vimos e que
só pode levarse a cabo en lugares que, como os da costa de Galicia, comparten
as mulleres co sexo forte o mesmo as rudas faenas agrícolas que as penosas da
pesca. A regata estableceuse entre dous botes tripulados o un por cinco
mulleres de Cortegada e outro por igual número de Carril.
A sorte favoreceu ás de Cortegada, e dicimos as sorte, porque reinando como reinaba un duro Nordés e estando a baixar a marea, ao regresar ao punto de partida tiveron que loitar as de Carril coa desvantaxe de que a liña por elas recorrido era no medio da canle e onde máis azoutaba o vento, mentres que as de Cortegada, ao abeiro do peirao, puideron vencer inconvenientes que para as de Carril eran moi superiores.
As de Cortegada eran cinco; catro de idade proxecta e unha de idade máis nova; a timoneira, muller viril e de pel tostada polo sol e o aire, desolaba ter loitado moitas veces coas ondas; as de Carril eran novas e de puxanza, e aínda cando a súa cara tamén acusaba familiaridade co mar e co inclemente Eolo eran de rostro agraciado. Cando a certa distancia se despoxaron dos panos que levaban na cabeza para vogar con máis facilidade, un hurra deixouse oír nunha gran parte dos que presenciaban as regatas; tamén nós nos asociamos a el e como non?. É preciso ver o cadro que por vez primeira presenciabamos para comprender o esforzo e ousadía daquelas mulleres. Cando proa ao vento e contra a corrente vogaban en dirección ao punto de partida, a fráxil barca era levantada ata lla ver máis dunha terceira parte da quilla pola proa; cada metro que avanzaba o bote custaba as remeiras unha molladura dos continuos salseros que levantaba ao cortar a corrente. Máis que unha regata parecía un bote salvavidas xoguete das ondas. Ao hurra do domingo, engadimos agora outro hurra ás valerosas carrileñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario