venres, 19 de setembro de 2014

Lope de Villar: o primeiro carrilexo coñecido.

As fontes documentais falan de que Carril foi fundado por xentes que viñan de Padrón, Abalo,... O certo é que a finais do século XV vaise ocupando a costa con diferentes vilas. Vilagarcía, Vilaxoán, Vilanova, Carril... nacen neste momento.




A costa xa non supón perigo algún. Definitivamente quedan atrás as incursións marítimas que dende o sul, por mar, unha e outra vez arrasaban canto atopaban. Coa tranquilidade chega a fundación das "vilas".

Tras a revolta dos irmandiños, Távera e Fonseca, bispos composteláns, emprenden preito en 1525 para dirimir a quen lle corresponde a reconstrucción das fortalezas. Chaman a unhas e outras testemuñas para declararen sobor do estado dos castelos antes da revolta. Para coñecer o estado do Castelo Honeste, as Torres de Oeste, varios foron os declarantes, entre eles Lope de Villar.

Lope de Villar  aparece nese preito como veciño de Carril. Nacera nas mesmas Torres de Oeste, e era fillo do merino dese castelo. De rapaz, unha vez a fortaleza fora derruida, trasladouse a vivr a Carril, formando parte dese grupo de fundadores da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario