sábado, 7 de maio de 2016

Estampa de Sargadelos


Luis de la Riva foi un importante empresario compostelán. Pertencía á saga dos cameranos asentados en Santiago que protagonizaron a industrialización de Galicia dende principios do século XIX. A través da sociedade Luis de la Riva e Cia. administrou o emporio de Sargadelos, tanto a fábrica de fundición como a de louza, entre 1848 e 1867. Ademais creou a fábrica de fundición de Carril, aquela que logo pasaría a máns dos ingleses que traballaban no ferrocarril, despois á familia Franco, que acabaría trasladándoa a Santiago, e que finalmente transformouse na fábrica de conservas Baltar.

Tanto na fábrica de fundición como de louza en Sargadelos Luis de la Riva impulsou notables avances técnicos e comerciais. Na decoración da louza introduxo motivos novos, entre eles a vista de Carril dende a illa de Cortegada.

Destas pezas poucos exemplares quedan. A panorámica é unha imaxe curiosa. Os peiraos vello e novo están aínda por construir. O mar chegaba ás fachadas das casas da actual Praza da Liberdade. Os barcos que traían mercadorías dende portos lonxanos fondeaban á espera de despachar na aduana... A imaxe da vila se incorpora a un producto galego que se expandía por todas as mesas principales. Luis de la Riva promovía a vila na que tiña importantes intereses comerciais. Tan só un porto máis mereceu ser motivo de decoración na louza de Sargadelos, o porto de La Habana.