mércores, 17 de setembro de 2014

O nome e os traballos

A rica información que Jerónimo del Hoyo ofrece sobre o Carril no seu Memorial chega ata as súas orixes. Fala o coengo compostelán de que recibe este nome porque a vila fora levantada xunto a un camiño marcado pola pegada que os carros facían no seu ir e vir. Di que "llamáronla Carril por haberla edificado junto a un carril que hacían los carros de los labradores cuando venían a la rivera del mar y a la Isla de Nuestra Señora de Cortegada a buscar argazos para estercolar sus tierras".  O mundo campesiño e o mundo do mar atopaban no pequeno cabo carrilexo o seu lugar de encontro, marcado polas rodeiras que durante anos debuxaron no solo os carros de bois e vacas.


A riqueza do mar de Carril foi o que provocou o interese dos seus fundadores. A sardiña e a ostra foron fonte de riqueza e traballo. Di Jerónimo del Hoyo que, a principios do século XVII, "los vecinos de esta villa son casi todos pescadores de pescado mayor y sardina. Cójense junto a ella muchas ostras, y éstas y las de Rianjo son las mejores que hay en todos los puertos de Galicia". Podía presumir entón Carril, con Rianxo, de coller a mellor sardiña de Galicia. Nalgún momento esta riqueza será motivo de sonada disputa entre unha e outra vila.

Non eran os traballos agrícolas os que definían a Carril. O mar o dominaba todo, e así o coengo del Hoyo fala de que "hay algunos labradores, aunque pocos". O benigno clima permitía que houbera "algunas huertas con muchos naranjos y limones", di que "hay algunas viñas", pero a riqueza agrícola era escasa: "como el término de la dicha villa es muy corto, todas estas viñas y huertas son muy pocas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario