xoves, 20 de novembro de 2014

O pleito con Padrón (3)

Ademais da pesca e a descarga de sal, o acordo entre Carril e Padrón regula duas cousas mais. Víñase dando o caso de que a Carril acudían xentes tanto "das aldeas como de fora" a pescar. Para eles tamén ten vixencia o acordo do pago das "seysçentos pares de brancas". Por último, habilítase o porto para o comercio, para que "os mercadores" do Porto de Carril "carguen e descarguen as suas mercadoryas" e o fagan nas mesmas condicións que o facían no Porto e Vila do Deán. O acordo entre as duas vilas ten data de oito de Octubro de 1492.

Este documento de avenencia entre Padrón e Carril é da maior trascendencia. En primeiro lugar os de Carril recoñecen un uso de pesca e salga que se viña facendo por "dereito e costume". Esta actividade tiña provocado enfrontamentos coa Vila de Padrón e a Igrexa de Iria Flavia xa entre os "preçesores" dos firmantes do documento. Podemos estar así ante a constatación dunha antigüidade de Carril superior ao sinalado por Jerónimo del Hoyo no seu informe como visitador episcopal.

En segundo lugar, este acordo entre as vilas pon as bases do futuro de Carril. A actividade principal é a pesca. Pero arredor dela creáse toda unha actividade comercial. A importación de sal supón a apertura dun comercio marítimo, a creación dun almacén e a xestión da sua distribución. A manufactura de peixe, a salga, supón os inicios dunha actividade fabril e a sua venta unha rede de distribución por mar e terra. A consolidación como porto mercantil faise cando se traspasa o dereito de carga e descarga de mercadorias.


NOTA.- Información sacada do documento de "traspaso dos dereitos de salgadura por parte dos Conegos de Iria e os Comerciantes de Padrón aos Comericantes do porto de Carril" publicado pola "Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón" no ano 2009 e recollido no libro de José Luis Mulet sobre Carril.

1 comentario:

  1. Que se sepa que por esas datas non so Colon (disque un tal Pedro Madruga) andaba metido en empresas importantes...

    ResponderEliminar