luns, 17 de novembro de 2014

O pleito con Padrón (2)

Navegaba Colón polo Atlántico a falta de catro días para divisar terra cando, moi lonxe, en Padrón, reúnense os representantes do Porto de Carril, da Vila de Padrón e dos coengos de Iria Flavia. Fai de mediador Lopo de Villar, o mesmo que vimos actúando de testimuña no pleito de Távera e Fonseca e demos como o primeiro carrilexo coñecido, naquel momento "notario  apostólico" da Diocese de Compostela con residencia en Carril. Tratábase de buscar un acordo para por fin ao conflicto sobre a salga de peixe, práctica que facían os de Carril a pesares de ser un privilexio de Padrón.

A salgaduría de peixe supuña un incipiente comercio dende o Porto de Carril. A "carga de sal", importación, e a venda de sardiña salgada, exportación, era o inicio desta actividade . A manufactura da sardiña salgada era o inicio da actividade fabril.

Pronto se chega a un acordo, a unha "avinça". Os de Padrón consinten que os de Carril "sempre posan cargar e descargar e carguen e descarguen todas suas mercadoryas de pescados que mataren et conplaren et salguen e secen desde oje este dia doje endiante". A cambio os de Carril habían de pagar un tributo anual aos de Padrón e a Colexiata de Iria. Compormétense a pagar "por sempre en cada anno a dita iglesia e conçello de Padron seyscentas pares de brancas para sempre jamas".Este tributo sería "a metade para a fábrica e reparo da dita yglesia de Sta. María dIria e a outra metade para o reparo dos muros da dita vila de Padrón". A cantidade  da que disporían os de Carril se establece en "cinco mylleiros" de sal.



NOTA.- Información sacada do documento de "traspaso dos dereitos de salgadura por parte dos Conegos de Iria e os Comerciantes de Padrón aos Comericantes do porto de Carril" publicado pola "Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón" no ano 2009 e recollido no libro de José Luis Mulet sobre Carril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario